1000 Días

1000 días. Por casualidade o outro día mirei no FIDES o tempo que levo traballado para o SERGAS e van mil días. En realidade agora algo máis. O 4 de Xullo de 2008 foi o primeiro deses mil días. Foi un día terrorífico, emocionante, abafante, exultante…cheo de inseguridade, de temor e fascinación. Desa sensación de responsabilidade que por momentos te afoga.

Lin nun xornal un artigo dun home que pasou pola REA dun hospital galego fai pouco, e vese que non lle molou nada que a xente poidera rir no traballo cando a él lle doían tanto as costuras. Non ten no artigo palabras moi amables para o persoal sanitario (excepto para os médicos “dioses”, como el di). Entendo que este señor non é moi normal e pode que estea afectado por unha cirurxía tan importante como a que sufriu, non llo vou ter en conta. Pero é certo que moita xente ten a sensación de que o mundo sanitario é un pitorreo, que nos rimos da xente, que non poñemos o 100%. Ben, seguramente nalgunhas ocasións é certo. Nesta casa hai imbéciles e inútiles coma en tódolos sitios.

Eu ríome moito no traballo. Por sorte para min e a miña saúde mental, río moito. Non volo dixen, pero son Técnico Superior en Imaxe para o Diagnóstico (que ven sendo os que facemos radiografías, tacs, resonancias e tal) e por iso a miña interacción cos pacientes é moi curta. Non teño tempo de collerlles moito cariño. Anque si que tiven tempo xa de velos morrer. De velos sufrir. De velos convulsionar. De ver como os reaniman nunha mesa de Tac mentres sangran por todos os seus orificios durante media hora. Cóntolles chistes malos ós pacientes, por se algún se ri. E si, refírome á xente maior en moi mal estado como “grelos”. Alguén dirá que son unha desalmada e sentirá que estou ofendendo profundamente ó seu familiar “grelo”. O que non pensan é que eu teño que rirme para non rebentar. O que non pensa ninguén é que nós vemos miles de veces esa imaxe, esa dor, ese terror nos ollos. A veces eu sinto medo de acabar así. Outras veces collo da man ó seu familiar “grelo”, acaríñolle o pelo e intento tranquilizalo.

Nos meus 1000 primeiros días xa vin pasar a Gripe A. Vin na UCI a algún listo para morrer dela e non foi agradable. Tamén vin a algún resucitado despois dun transplante. Enzoufeime en pacientes con meninxite da chunga. Pasei horas en REA facendo radiografías portátiles, vendo como empeoraban os que alí estaban. Vendo como melloraban. Pasei horas nalgún quirófano, conxelada, co mandil de chumbo ó lombo. Aprendín que a primeira hora da mañá hai olores que o estómago non pode soportar. Perdín festas e nadales na casa. Cinco Noiteboas e un fin de ano, para ser exactos.

Tamén vin morrer nenos. Un no Nadal. 3 anos. Ese día non puiden rir. Os 45 minutos de camiño no coche paseinos chorando. Non chorei o día do tren de Santiago. Ese día non fun capaz. Chorei despois, nas moitas horas de quirófano que pasei o mes seguinte. Anque me rin moito cunha señora madrileña que me dixo na REA: “Yo soy Republicana, iba en un tren a Santiago y de repente me despierto en una cama de hospital y veo al Rey!!! Pensé que había muerto y estaba en el infierno! Jajajaj!!!” Perdera un pe, pero parecíalle graciosísima a súa anécdota de republicana. E a min tamén.

Teño miles máis, e o meu non é nada. Hai máis xente. Ese persoal de REA, da UCI, das plantas, de Pediatría, Neonatos, Urxencias… Salvando vidas, comendo vómitos, merda, morte e dor. Coidando dos que alí están mentres cacarexan como “marujas” (como di o tipo este) para non explotar coa presión e facer deste lugar algo un pouco máis feliz. Loitando contra os problemas de dentro e contra os de fora: os abusos, os recortes, os contratos. Que non fan máis que saturarnos.

Gustaríame dicirvos que nestes 1000 días deixei de sentir terror, inseguridade, temor…esa sensación de responsabilidade que por momentos afoga. Pero non podo. Sigo como o día 1. Son algo máis rápida e eficaz facendo o traballo. Sei algo máis do que sabía. Pero sigo rindo para non estoupar.

Advertisements

Opina

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s