Día de Galicia

 

Houbo xa quen só naceu aquí, e pasou o resto da súa vida lonxe, traballando, xa que a súa terra non tiña pra él oportunidades. Houbo xa quen morreu noutra terra, despois dunha vida, de fillos, netos e bisnetos, de traballo, amor e dor, de risas e vacacións na aldea. Houbo quen con todas esas, con 4 idiomas ó lombo (e só un no corazón) morreu dicindo “mamaíña, xa logho nos vemos”. Houbo, en fin, coma tantos outros, un home galego que galego non era, pois case non “vivira” Galicia. Pero era galego. E afogábanlle os ollos cada vez que escoitaba o bonito falar daquela que traía un vello recordo familiar. Daquela que se asemellaba tanto á nai que deixara con 14 anos. Non houbo volta porque a vida dá moitas, pero unha parte grande do corazón do home quedou ancorada con estacas á terra verde que o vira nacer un 25 de Xullo.

Quedou atado ás festas, ós veráns de calor, ós fríos e húmidos invernos. Á chuvia… Ás lendas e mitos, Santa Compaña incluída. Ós ríos e ó marabilloso mar. Á retranca e á morriña…Non. Á morriña non. A morriña aprendeu o que era cando marchou e non deixou de sentila nunca máis.

Galicia é algo máis que un lugar no que vivir, nacer ou morrer. É moito máis que un lugar no que amar, entalarse de frío ou comer empanada. É máis que praia, aldea e monte. É máis que o sitio no que cumprir os teus soños ou sufrir coas túas frustracións. Incluso é algo máis que falar galego. Galicia é un sentimento. Por iso non todos os que nacen en Galicia son galegos. Por iso hai xente que non nace aquí e o é. Por iso hai xente que morre lonxe, tanto que non cheira nin o aire do mar, e sigue sendo galego.

Eu son galega orgullosa. E anque o mundo é un lugar marabilloso para pasear, non hai ningún sitio para volver como o noso pequeno curruncho no norte.

Moi feliz Día da Nosa Terra. Moi feliz Día da Nosa Patria. Moi feliz Día de Galicia!!!

*Na honra de quenes faltan: dos galegos e galegas que non poden celebrar este día con nós; de quenes morreron fóra, noutra patria que tamén amaron; dos que morreron aquí, tal día coma hoxe. Na honra dos que viviron.

Advertisements