#JeSuisZapata

Eu son baixiña. Así que pido, porque me sinto profundamente ofendida, que se retiren os chistes de baixiños. Tamén pido que España retire todos os chistes machistas que incitan ó odio, os que falan mal das sogras, os que se burlan do tontos que son en Lepe (que mira ti que gracia rirse da discapacidade intelectual de ninguén). E pido tamén que vaiamos todos, en manada, co botón de linchar en modo ON, a polo desgraciado de Zapata, que menudo fillo da gran puta (tamén pido que se retiren os chistes de putas).

Por suposto tamén pido encarecidamente lume inmediatamente para Padre de Familia, para os Simpsons, South Park e todas esas americanadas postmodernas que só tratan de convertirnos en malísimos cristiáns que se rin dos tullidos, da pedofilia, dos paletos sureños… E quero tamén que se retire o apoio público ós mortos na carnicería de Charlie Hebdo. Porque a morte non a merecían, pero buscar buscárono coa súa liberdade de expresión, malditos rojos. Os gabachos moito facerlle caso a Voltaire con iso de “Non opino o mesmo ca ti, pero defenderei coa miña vida o teu dereito a expresalo”.  Eu non son Charlie Hebdo. Eu nunca me riría dos putos moros, anque si que apoio coa miña indiferencia que as guerras inxustas os masacren.

Como se atreve ninguén, nun país libre a falar de algo que EU considero que sobrepasa a liña vermella?

Hai cousas das que non se pode facer risa. Por que? Porque…non. Porque poden ofender a alguén, e hai temas demasiado delicados para usalos como humor. Anque si que se nos permite usalos como TERROR, que é moito máis útil para as sociedades civilizadas. Tamén se nos permite usalo cunha musiquiña tope de lacrimóxena, como remendo. Choramos todos un pouco e sentímonos tope de mal polas nenas de Alcasser, polos asesinados por ETA ou polos que saltaron das Torres Xemelgas e a seguir vivindo. Xa cumprimos coa nosa parte.

Por suposto, todo isto que acabo de poñer aquí é broma. Ou non. Na vosa man está entender o sarcasmo, a retranca, a vomitona. Ler hoxe de xente que se chaman a sí mesmos xornalistas e de xente que se chama de esquerdas, barbaridades do tipo que escribín eu arriba déixame de pedra. Pero linas.

De verdade pensades que sodes mellores persoas por non facer chistes das nenas de Alcasser, dos mutilados por ETA, de bebés mortos ou de necrofilia? De verdade pensades que facelos e rirse deles é de malas persoas? De verdade pensades que podedes decidir vós que é o que lle fai gracia ós demáis? A que vos rides cando alguén cae de forma ridícula (a pesar de poder facerse moito dano)? Haberá a quen non lle faga gracia e queira poñer a liña do humor aí. O humor sempre consiste en rirse de algo malo que lle sucede a outro, algo ofensivo, algo vergoñento, algo humillante. Cal é o límite e quen ten a superioridade para escollelo?

Non sexades gañáns! Meditádeo un pouco. De que se ri a xente cando se ri dun chiste salvaxe? Da gracia que da pensar nun membro desfeito por unha bomba lapa (asegúrovos que a maioría non o resistiría) ou da gracia que da falar de algo nun contexto totalmente diferente ó que é o habitual? Que é o humor? En serio vos credes tan a puta hostia de intelixentes e filósofos como para resolver esa cuestión tan antiga como a humanidade nun tweet de merda? En 140 caracteres vou a resolver tódalas dúbidas da humanidade porque son DIOS.

España, ese país que se mofa das mulleres, dos ananos, dos galegos, dos da ETA, de Asunta, dos mortos no tren de Santiago, do impotentes, dos cataláns mortos no avión, dos negros, dos chinos, dos que afociñan, dos retrasados, dos que parecen restrasados, dos políticos, das feministas, dos cegos, dos pobres, da xente da aldea, dos panchitos e de todo o habido e por haber, salta de cando en vez contra alguén para redimirse do que considera algo malo. Eu só lle pido ó humor unha cousa: que me faga gracia. Pero pode facerse humor do que sexa. Rirnos do malo fainos mellores como sociedade. Axúdanos a superar, a non olvidar, a non ter tanto medo. O humor é unha liberación que moitos queren cortar. Pensade por que vos ensinaron que está mal rirse da maioría das cousas e sen embargo vos dixeron que está xenial acribillar a unha persoa por twitter cos vosos 140 caracteres máis inxeniosos. Así está España se iso é do mellor que vos podedes sacar do mioliño.

Advertisements